Comezamos os ensaios de 'Reconversión' na Cidade da Cultura de Galicia
Ibuprofeno
O luns 18 de novembro comezamos os ensaios de 'Reconversión', un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión naval na Ría de Vigo que se estreará o 7 de febreiro de 2025 no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Despois desta primeira fase na Cidade da Cultura, retomaremos os ensaios no Auditorio Municipal do Concello de Catoira.
Reconversión é un texto de Santiago Cortegoso creado ao abeiro do XI Laboratorio Teatral da Fundación SGAE 2023, no que o autor narra a historia de seu pai, un home que traballou no estaleriro Ascón durante 30 anos. A súa persoa sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80. A montaxe conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia a través das Axudas á Creación.
Trátase dun espectáculo de gran formato con oito actores-músicos que interpretan a banda sonora en directo, formando unha charanga. Artur Abad, Cristina Collazo, Santiago Cortegoso, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu e Nani Matos dan vida aos protagonistas desta viaxe que, entre o íntimo e o político, hanos levar dende a postguerra ao 'Felipismo' dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución dende un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.
Con dirección do propio Cortegoso, completan o equipo artístico: Carlos Álvarez-Ossorio na codirección e no deseño de iluminación, Pablo Giráldez 'O Pastor' no deseño do espazo escénico, Caxade na dirección musical, Marián Bañobre no deseño de vestiario, Baia Fernández na caracterización, Armando Martén no movemento escénico e Natalia Feijoo na asistencia de dirección (a través dun convenio asinado coa Escola Superior de Arte Dramática de Vigo).