'Casa O'Rei' participará no Certame de Teatro de Haro
Ibuprofeno
Casa O'Rei de Ibuprofeno Teatro participará na 21ª edición do Certame de Teatro Garnacha de Rioja que se celebra na localidade de Haro do 30 de novembro ao 8 de decembro. A compañía galega xa participou coa obra 'Raclette' no mesmo certame, recibindo a Mención Especial do Xurado.
De entre as 89 propostas recibidas 6 serán os espectáculos presentados nesta edición: 'Casa O'Rei' de Ibuprofeno Teatro dará o pistoletazo de saída o 30 de novembro, o 1 de decembro Alquibia Teatro (Murcia) presentará 'Los Caciques', o 2 de decembro será a quenda de Hika Teatroa (San Sebastián) con 'El Bodorrio'. O 6 de decembro La Fundición Teatro (Sevilla) presentará 'Duelo a muerte del marqués de Pickman y lo que aconteció despúes con su cadáver', o 7 de decembro Morboria Teatro (Madrid) presentará 'De fuera vendrá quien de casa nos echará' e o 8 de decembro Txalo Producciones (Hernani) 'Mandíbula afilada'.
'Casa O'Rei' é un xogo escénico e dramatúrxico a partir de 'O Rei Lear' de Shakespeare, a acción trasládase da corte de Bretaña a unha casa de comidas galega. Unha casa que acabará por derrubarse e con ela caerá tamén un modo de entender a gastronomía e a sociedade, no que a familia é fundamental. Esta familia está encabezada por Manolo Rei, ao que dá vida Miguel Borines. Victoria Teijeiro (Maribel), Marián Bañobre (Rita), Teté García (Cordelia), Víctor Mosqueira (Cosque) e Xosé Manuel Esperante (Albino) completan o elenco.