Skip to main content

Estreamos 'Reconversión' no Teatro Rosalía Castro da Coruña

As funcións serán o venres 7 e o sábado 8 ás 20:30 horas
06 febreiro 2025

Ibuprofeno

06 febreiro 2025

Os vindeiros venres 7 e sábado 8 de febrerio de ás 20:30 horas estreamos no Teatro Rosalía Castro da Coruña 'Reconversión', a montaxe máis ambiciosa da historia da compañía con oito actores-músicos en escena e un amplo equipo artístico. Despois da estrea poderá verse en Moaña (15 de febreiro), Carballo (21 de febreiro), Vilagarcía (22 de febreiro), Ames (14 de marzo), Oleiros (15 de marzo), Pontevedra (20 de marzo), Cangas (22 de marzo), Ourense (27 de marzo), Lugo (3 de abril), Vimianzo (5 de abril), Vigo (11 e 12 de abril) e Narón (25 e 26 de abril).

'Reconversión' é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión naval na Ría de Vigo. O texto, creado ao abeiro do XI Laboratorio Teatral da Fundación SGAE 2023 e publicado en galego por Edicións Positivas, narra a historia do pai do autor, un home que traballou no astaleiro Ascón durante 30 anos. Cortegoso lévanos do íntimo ao político sintetizando na persoa de seu pai as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos 70 e nos 80. A montaxe conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Concello de Catoira, que acolle a compañía durante o mes previo á estrea nunha residencia artística que culminará o domingo 2 de febreiro cunha pre-estrea aberta á veciñanza, e da MIT de Ribadavia, onde poderá verse o espectáculo.

Oito actores-músicos interpretan a banda sonora en directo, formando unha charanga e dando vida aos protagonistas desta historia, entre os que atopamos a: Miguel Boyer, Alfonso Guerra, Felipe González, Franco, Mayra Gómez-Kemp, Naranjito ou Isabel Preysler, entre outros. Os actores Artur Abad, Cristina Collazo, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu, Nani Matos e Santiago Cortegoso conducirannos nesta viaxe dende a postguerra ao 'Felipismo' dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución dende un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.

Con dirección do propio Cortegoso, completan o equipo artístico: Carlos Álvarez-Ossorio na codirección e no deseño de iluminación, Pablo Giráldez 'O Pastor' no deseño do espazo escénico, Alonso Caxade na dirección musical, Marián Bañobre no deseño de vestiario, Baia Fernández na caracterización, Armando Martén no movemento escénico e Natalia Feijoo na asistencia de dirección (a través dun convenio coa Escola Superior de Arte Dramática de Vigo).

Unha mirada íntima para reflexionar sobre a política

A obra é un exercicio de memoria histórica sobre uns acontecementos socioeconómicos que tiveron un impacto enorme na sociedade con resonancias a nivel global. A reconversión foi un intenso e extenso proceso de axuste e acomodo a unha realidade cambiante que aquí se narra a través da vida do pai do autor, ex-traballador do astaleiro Ascón. O sector naval foi referente na loita sindical embarcándose nun proceso longo e duro no que destacan as manifestacións masivas de 1978 ou o secuestro do catamarán que cobre a liña Vigo-Cangas en 1985. Estes dous acontecementos reprodúcense na montaxe, que mestura a realidade coa ficción, e o surrealismo cos feitos históricos.

A peza inspírase na retranca e o humor galegos, botando man da ironía do Entroido e outras celebracions populares. O público chega ao teatro e recíbeos unha charanga que os acompaña ao patio de butacas antes de continuar cara ao escenario, onde se recrea unha verbena propia dos anos 80. A partir dese momento e mediante flashbacks viaxaremos do presente ao pasado a través da mirada do personaxe do fillo (Santiago Cortegoso) que tratará de encaixar as pezas da vida de seu pai. Unha montaxe cunha forte compoñente autobiográfica que dende o íntimo nos levará ao político.

 

Gardar
Cookies: preferencias do usuario
Utilizamos cookies para almacenar e acceder a información no seu dispositivo. A continuación mostrámoslle un panel de configuración no que pode activar ou desactivar o uso de cookies. Facendo clic en cada unha das finalidades atopará información sobre a súa finalidade e funcionamento. Pode xestionar o seu consentimento desde os botóns de Aceptar/Rexeitar ou aceptalas desde o botón ACEPTAR TODAS. Poderá cambiar as súas preferencias en calquera momento, volvendo a esta web. Tamén pode atopar información sobre configuración, orixe e finalidades en: WWW.IBUPROFENOTEATRO.COM
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Esencial
Cookies CK
Cookie de sesión
Aceptar
Rexeitar