Ibuprofeno Teatro estrea 'Deadpan Karaoke' o sábado 30 de setembro no Teatro Principal da Estrada
Ibuprofeno
Ibuprofeno Teatro estrea Deadpan Karaoke, a súa primeira montaxe cunha directora convidada. Patricia Rodríguez, que desenvolve a súa carreira entre Asturias e Londres asina a dirección deste espectáculo interpretado por Marián Bañobre, no que a actriz explora os límites do humor nunha proposta multidisciplinar dirixida a público adulto. A estrea terá lugar no Teatro Principal da Estrada o sábado 30 de setembro ás 20:30 horas e a montaxe conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación.
Este é o décimo espectáculo da compañía despois da estrea en 2022 de Smoke on the water (Premio María Casares ao Mellor Actor para Josito Porto e ao Mellor Espazo Sonoro para Mon Orencio). Deadpan Karaoke é unha viaxe a través do humor, da música e do cine para tratar de pescudar se hai lugar para o amor nesta sociedade tardocapitalista na que vivimos. A través do personaxe de Deadpan, que non pode sentir nin expresar emoción, Marián Bañobre preséntanos cuestións que ocupan aos filósofos e sociólogos contemporáneos. A proposta ten unha clara ambición plástica e coloca ao espectador nun karaoke que transita do real ao onírico, do cine á vida a través da música e da sorpresa. Un espectáculo participativo para deixarse levar, para atreverse e para cuestionarse.
Deadpan Karaoke estrease, despois de meses de investigación e creación nos que Ibuprofeno Teatro contou con alianzas como a do Concello da Estrada, onde a compañía realizou unha residencia técnica durante o último mes, o Concello de Caldas de Reis, a hospedaxe rural A Casa do Lagoeiro, La Laboral Centro de Arte – espazo no que se gravaron algunhas das pezas audiovisuais que se empregan na montaxe -, a residencia de maiores Campolongo de Pontevedra, que se empregou como espazo para a creación e onde a compañía levou a cabo un obradoiro de amor e karaoke cos usuarios da residencia, e que se converteu nunha das experiencias máis enriquecedoras do proceso creativo.
Un equipo maiormente feminino
A directora Patricia Rodríguez e a actriz Marián Bañobre rodeáronse para a creación deste espectáculo dun equipo maiormente feminino: Laura Porto como asesora de dramaturxia, Carmela Bueno como axudante de dirección e coreógrafa, Mónica de Nut no deseño de son e na composición musical, Violeta Martínez no deseño de iluminación e escenografía, Marta Valverde, Gustaf Nilsson e Javier Lueje no deseño de audiovisuais, Baia Fernández na caracterización, María Costas como profesora de canto e Ana Cardoso como asesora de xénero.
Patricia Rodríguez é a primeira directora convidada por Ibuprofeno Teatro para a creación dun espectáculo. Compaxina desde 2020 o seu traballo na compañía londinense Little Soldier co proxecto teatral asturiano Las Ganas. Con máis de 27 anos de traxectoria, o seu desenvolvemento profesional está moi vinculado á súa traxectoria internacional realizada entre Estados Unidos, México, Polonia, China, Lituania, Luxemburgo, Alemaña e moi especialmente Reino Unido.
A actriz Marián Bañobre volve neste espectáculo ás súas orixes como clown cun unipersoal, igual que cando hai máis dunha década a compañía iniciou a súa andadura profesional coa montaxe A filla de Woody Allen. Debuta como actriz de teatro aos 15 anos e dende entón participou en medio cento de producións profesionais dentro e fóra de Galicia, non só como intérprete, senón tamén como clown, creadora-directora escénica e deseñadora de vestiario. Traballa tamén como docente, principalmente de técnicas de clown e creación escénica e é licenciada en Socioloxía, disciplina da que se nutriu na creación de Deadpan Karaoke, un dos seus traballos máis persoais.
Conta con cinco Premios María Casares: Mellor Actriz Secundaria por Tartufo de Teatro de Ningures, Mellor Actriz Protagonista por Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios de Ibuprofeno Teatro, Mellor Vestiario por O Furancho de Ibuprofeno Teatro, Mellor Dirección e Adaptación (xunto a Santiago Cortegoso) por Invisibles de Redrum Teatro.