Estrea de 'O mel non caduca'
Ibuprofeno
Despois da pre-estrea o venres 24 de xaneiro no Auditorio Municipal de Catoira (20:00 horas) o vindeiro venres 31 de xaneiro e sábado 1 de febreiro (20:30 h) estreamos 'O mel non caduca' no Teatro Principal de Compostela.
'O mel non caduca' é un espectáculo arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación do planeta por mor da perversa lóxica capitalista. É unha obra para emocionar e concienciar e tamén para rir e emocionar, 'hai moita ironía e moito humor no espectáculo, un humor reflexivo e crítico, por veces surrealistas e moi relacionado co universo do clown. Rímonos principalmente de nós mesmos e cuestionámonos como puidemos, como sociedade, ter chegado até aquí', afirma Cortegoso.
A montaxe amósanos dúas tramas, dous científicos que no 2173 tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva e dous irmáns que se reencontran trala morte da súa nai para xestionar as pertenzas familiares. As dúas se complementan con outros textos e con escenas de movemento escénico nun espazo creado a partir do universo das abellas e composto por colmeas e outro material de apicultura.
Carmela Bueno no movemento escénico e na axudantía de dirección, Diego Seixo no espazo escénico, Davide González no espazo sonoro e Salvador del Río no deseño de iluminación completan o equipo. O resultado é unha mestura de claves, un espectáculo moi aberto que toma elementos do teatro xestual, da imaxe, da instalación, do clown, da narración, do realismo, do texto contemporáneo, que vai saltando do máis poético ao máis cru, do realismo ao onírico.
Integrar a escrita no propio proceso creativo
A idea que deu lugar a 'O mel non caduca' xurdiu no 2013 durante un Obradoiro de Creación Escénica que Marián Bañobre e Santiago Cortegoso impartiron en Arteixo. Con esta proposta e despois de dúas montaxes a partir dun texto xa escrito ('Raclette' e 'Casa O'Rei') a compañía retoma os procesos creativos que integran a escrita dentro do propio proceso de creación.
Tras case 10 meses de traballo nos que se lle deu moita importancia á fase de documentación previa ás improvisacións co equipo Ibuprofeno Teatro estrea a súa sétima montaxe coincidindo cos 10 anos de vida da compañía. Ademais de en Compostela nos vindeiros meses 'O mel non caduca' poderá verse en Ourense, Boiro, Vigo, Cangas, A Coruña e Narón.