Abrindo boca: primeira lectura de 'Casa O'Rei'
Ibuprofeno
O pasado sábado 2 de decembro tivo lugar a primeira lectura do noso próximo espectáculo, 'Casa O'Rei' cos actores da montaxe. Un encontro para crear equipo e iniciar este proceso de traballo que culminará o 2 de marzo coa estrea en Vigo do espectáculo.
'Casa O'Rei' é un xogo escénico a partir de 'O Rei Lear' de Shakespeare interpretado por Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Victor Mosqueira e Xosé Manuel Esperante baixo a dirección de Santiago Cortegoso. Con este espectáculo pechamos a nosa triloxía gastronómica -despois de 'O Furancho' e 'Raclette'-, e que mellor xeito de meternos en situación que facer a lectura nunha casa de xantar e comentar despois as nosas impresións e inquedanzas acompañados dun suculento cocido.
Con Manolo Rei (Miguel Borines) presidindo o xantar rodeado das súas fillas (Victoria Teijeiro, Marián Bañobre e Teté García) e xenros (Xosé Manuel Esperante e Victor Mosqueira) o texto axiña comezou a cobrar vida e as aspiracións e sentimentos dos personaxes a facerse notar. Un primeiro achegamento no que se deixou sentir toda a tensión dramática deste proxecto que, coma as intrigas e vinganzas, cocíñase a lume lento.
Con este encontro, ao que tamén asistiu Diego Seixo – encargado da imaxe gráfica da compañía e autor das fotografías que acompañan estas liñas -, arrancamos un proceso que continuará a partir de xaneiro cos ensaios da montaxe en Catoira e Vigo. Nesta última praza ademais da estrea o 2 de marzo haberá unha segunda función o día 3. A xira continuará no Milladoiro, Ourense, Carballo, Santiago, Oleiros, Cangas, Pontevedra, Arteixo, Noia e Vilagarcía. Tedes toda a información das funcións no apartado de Calendario.