Skip to main content
  • Dirección

    Santiago Cortegoso
  • Autoría

    Santiago Cortegoso
  • Duración

    75'
  • Estrea

    01/01/2016
  • Produción

    Ibuprofeno Teatro

"Raclette" inaugura unha nova xeira de Ibuprofeno Teatro, na que asume producións dun formato superior con elencos máis numerosos, caracterizadas polo rigor na posta en escena, no traballo interpretativo e na concepción dos textos e dos procesos de creación, baseados na obra dramatúrxica de Santiago Cortegoso.


A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela -a medida que comían- queixo, carne e verduras.

Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.

Os cinco personaxes conforman un complexo mosaico humano: un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles pero que han de convivir a pesar das diferenzas. Son cinco persoas que están pasando por momentos cruciais nas súas vidas, momentos de cambios, de inestabilidade, marcados por acontecementos que han deixar pegadas profundas para o resto da súa existencia. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes.

Por unha banda, Paula, ambiciosa axudante de dirección nunha produtora, seleccionou a Mateo (12 anos) para protagonizar unha importante serie de televisión, polo cal convida a cear Raclette aos seus pais -Vero e Adolfo- para negociaren as condicións laborais do rapaz nun ambiente de proximidade e confianza. Esta estratexia é moi mal vista pola súa parella, Raúl (actor de teatro alternativo de carácter impetuoso e humor corrosivo), que odia o universo audiovisual. Vero, enfermeira nun hospital público e defensora da soberanía alimentaria, ten moitas dúbidas, xa que está obsesionada pola educación do seu único fillo. Adolfo non chegará a presentarse.

Por outra banda, Mario, xornalista de prestixio cunha visión lúcida e crítica do mundo, que sofre a angustia de ter quedado no paro, espera que chegue do traballo Miriam, a súa parella, que segue nadando cos golfiños nos espectáculos que se ofrecen no acuario do zoo a pesar de estar nun estado de profunda tristeza. Mario ten preparada unha Raclette, a comida favorita do seu único fillo Nico, que acaba de morrer en estrañas circunstancias, para sorprendela e para tratar de superar o trauma, a dor e a sensación de perda na que están inmersos.

  • Reparto:
    • TONI SALGADO: Raúl. Actor de teatro alternativo
    • DEBORAH VUKUSIC: Paula. Axudante de dirección dunha serie de TV
    • MARIÁN BAÑOBRE: Vero. Enfermeira, encargada dunha horta urbana
    • IRIA SOBRADO: Miriam. Zoóloga
    • SALVADOR DEL RÍO: Mario. Xornalista en paro
  • Texto e dirección: Santiago Cortegoso
  • Espazo escénico e imaxe: Diego Seixo
  • Iluminación: Salvador del Río
  • Vestiario: Marián Bañobre
  • Maquillaxe e peiteado: Trini F. Silva 
  • Son: Quito
  • Vídeo: José V. Estonllo
  • Cobertura Técnica: Ningures Produción
  • Axudante de dirección: Rubén Pérez
  • Produción e distribución: Ibuprofeno Teatro

O realismo é a base da posta en escena e do traballo interpretativo. Os actores e actrices cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só pola vista e o oído, senón tamén polo olfacto. O peso da función recae no que transmiten os personaxes, na intensidade das relacións que se establecen entre eles, na trascendencia do que din e do que calan, nos xestos, nas miradas...

Os espectadores están no patio de butacas pero tamén nunhas pequenas bancadas que están situadas no escenario, rodeando completamente a mesa na que están os actores, o cal reforzará a súa sensación de que están deixando ao descuberto a súa intimidade. Cada un ten un mundo interior que se vai descubrindo a medida que van degustando o menú. Hai unha idea de proximidade e comunión entre todos -actores e público-, que están orientados cara ao mesmo punto, cara ao centro da mesa, cara á raclette que os une, que fai que todos estean alí.

Ao facer clic neste vídeo, depositaranse as cookies.

Espectáculo

Galería


Críticas

Premios

  • Finalista XX Premios Max das Artes Escénicas Mellor Autoría Teatral e Mejor Dirección de Escena
  • Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2014
  • Premio do Público ao Mellor Espectáculo de Sala da 19 edición da Feira de Teatro de Castilla e León-Ciudad Rodrigo
  • Mención Especial do Xurado no XIX Certame de Teatro Garnacha de Haro
  • Premio María Casares de Teatro 2017 Mellor Texto Orixinal
  • Premio Teatro Autor Exprés 2016

Documentación

En cartel

Gardar
Cookies: preferencias do usuario
Utilizamos cookies para almacenar e acceder a información no seu dispositivo. A continuación mostrámoslle un panel de configuración no que pode activar ou desactivar o uso de cookies. Facendo clic en cada unha das finalidades atopará información sobre a súa finalidade e funcionamento. Pode xestionar o seu consentimento desde os botóns de Aceptar/Rexeitar ou aceptalas desde o botón ACEPTAR TODAS. Poderá cambiar as súas preferencias en calquera momento, volvendo a esta web. Tamén pode atopar información sobre configuración, orixe e finalidades en: WWW.IBUPROFENOTEATRO.COM
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Esencial
Cookies CK
Cookie de sesión
Aceptar
Rexeitar