Pequenos actos pseudorrevolucionarios… (2012)
PEQUENOS ACTOS PSEUDORREVOLUCIONARIOS QUE NON SERVEN PARA CAMBIAR O MUNDO PERO FAN QUE QUEDEMOS MÁIS TRANQUILOS.
Un espectáculo cómico-político-absurdo baseado nuns textos escritos a partir dun proceso de investigación e creación colectiva, a partir de dous personaxes que deciden emprender accións de protesta de xeito privado e individual para manifestar o seu desacordo con institucións públicas e privadas ante as cales non atopan outro medio de manifestarse, aínda que con estas iniciativas non vaian solucionar "nada".
- Categoría: Fóra de cartel, Comedia, Contemporáneo
- Duración: 75'
- Autoría: Marián Bañobre, Santiago Cortegoso
- Premios: María Casares 2013 á mellor actriz protagonista, María Casares 2013 ao mellor texto orixinal
Sinopse
Unha historia de amor entre un mozo e unha moza que se coñecen cando ela vai a un comercio e pide un orzamento para mercar unha cantidade desproporcionada de pintura rosa; namóranse cando rouban un Papá Noel luminoso da decoración pública do Nadal, e pasan unha crise de parella cando veñen de sacar todos os cartos do banco.
Unha comedia romántica situada nun contexto de accións revolucionarias e construída a través de diálogos cargados de connotacións políticas, que reflicten o ambiente de descontento e a necesidade de cambios sociais que vive unha gran parte da poboación a nivel europeo.
Ficha artística
- Creación e interpretación: Marián Bañobre e Santiago Cortegoso
- Movemento escénico: Carmela Bueno
- Iluminación: Salvador del Río
- Espazo sonoro: Anxo Graña
- Imaxe: Diego Seixo
- Deseño de vestiario: Marián Bañobre
- Realización de vestiario: Raquel Martínez e Maruja González
- Cobertura técnica: Ningures Produción
Posta en escea
Unha estética orixinal que recrea o universo dos xogos da nosa infancia: o escenario está inzado de clicks de Famóbil, e os actores van vestidos e caracterizados exactamente igual ca dous deles, mentres manexan billetes do Monopoly, un Papá Noel roubado da iluminación de Nadal, unha cinta de correr, etc...
Unha posta en escena multidisciplinar que incorpora soporte audiovisual, de xeito que os actores empregan unha cámara como se fose unha lupa de gran aumento, para que o público poida ver os clicks ampliados nunha pantalla no fondo do escenario. Unha maneira de que os PEQUENOS ACTOS se convertan en grandes acontecementos.