SMOKE ON THE WATER NO GALICIA ESCENA PRO
Salón Teatro - Santiago de Compostela | Xoves, 09 Xuño 2022 20:00
Continuar lendoSalón Teatro - Santiago de Compostela | Xoves, 09 Xuño 2022 20:00
Continuar lendoAuditorio Municipal | Venres, 03 Xuño 2022 20:30
Continuar lendoMultiusos de Arcade | Sábado, 28 Mai 2022 21:00
Continuar lendoIbuprofeno Teatro participará no Galicia Escena Pro coa montaxe 'Smoke on the water'. A función será o xoves 9 de xuño ás 20 horas no Salón Teatro de Compostela e con ela pecharase a décima edición do mercado galego de artes escénicas que organizan a asociación Escena Galega e a Xunta de Galicia a través da Agadic (axencia galega das industrias culturais).
Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, fundadores e integrantes de Ibuprofeno Teatro, son candidatos á mellor dirección na XXV edición dos Premios Max por 'O charco de Ulises', espectáculo producido polo CDG.
A montaxe do Centro Dramático Galego é candidata tamén nas categorías de mellor espectáculo de teatro, mellor adaptación ou versión de obra teatral (Santiago Cortegoso) e mellor deseño de iluminación (Salvador del Río). Para estas candidaturas seleccionáronse 179 espectáculos dos 449 que se inscribiron. Nunha segunda fase seleccionaranse os espectáculos finalistas que participarán na entrega dos galardóns.
'O charco de Ulises' é unha versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico. Do mar ao océano. De Itaca a Galicia. De Troia a Bos Aires. Do Mediterráneo ao Atlántico.
[Imaxe de Baía Fernández]
Os vindeiros 11 (20:30 horas) e 12 (20:00 horas) de febreiro estreamos 'Smoke on the water' no Pazo da Cultura de Narón, despois dunha pre-estrea no Teatro Principal da Estrada (o 4 e 5 de febreiro), espazo no que a compañía estivo en residencia durante o período de ensaios. Esta nova montaxe, que toma o seu título do mítico tema da banda inglesa Deep Purple, é unha traxicomedia sórdida con música en directo ambientada no universo do rock dos 70.
Estamos xa inmersos nos ensaios da nosa nova montaxe 'Smoke on the water', un texto escrito e dirixido por Santiago Cortegoso e interpretado por Josito Porto (Ritchie), Belén Constenla (Janis), Adrián Rios (Alex), María Costas (Amparo e Joan Báez) e Mon Orencio (músico en directo). A montaxe prodúcese en Residencia Artística no Teatro Principal do Concello da Estrada e estrearase o 11 e o 12 de febreiro de 2022 no Pazo da Cultura de Narón
'Smoke on the water' é unha traxicomedia sórdida con música en directo que nos fala do fracaso e do inmobilismo a través de personaxes atrapados que por un ou outro motivo non son quen de cambiar e que por patéticos acaban resultando entrañables. O texto recibiu o Premio MOME Varela Buxán 2013.
Completan o equipo artístico Carmela Bueno (axudantía de dirección e movemento escénico), Pablo Giráldez 'O Pastor' (espazo escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación), Baia Fernández (caracterízación), Marián Bañobre (deseño de vestiario) e Diego Seixo (imaxe).
Ibuprofeno Teatro estará presente este verán na Feira de Teatro Castilla y León Ciudad Rodrigo, que se celebrará do 24 ao 28 de agosto, coa montaxe 'O mel non caduca'. Entre as máis de mil propostas presentadas escolléronse 40 de compañías procedentes de Extremadura, Asturias, Cantabria, Galicia, Andalucía, Madrid, Comunidade Valenciana, País Vasco, Aragón, Cataluña e Portugal. De Galicia, xunto a 'O mel non caduca' de Ibuprofeno Teatro, foi seleccionado 'Premio' de La Quintana Teatro.
Na edición número 19 da Feira de Ciudad Rodrigo a compañía presentou 'Raclette', montaxe pola que recibiu unha mención especial ao Mellor Espectáculo de Sala.
Podes ver toda a programación AQUÍ
No obradoiro 'O vicio de estruturar o caos' Santiago Cortegoso proponnos explorar a escrita teatral a través do xogo. Xogar a que somos creadores sen límites: nin de orzamento, nin de tempo, nin de conciencia. Temos moitos folios en branco, todo un mundo do que falar e unha percepción da vida que nos individualiza. Trátase de explorar a nosa creatividade a través de como observamos o mundo, de como a través da nosa sensibilidade construímos unha visión particular do mundo porque precisamos ordenar o caos que nos rodea.
A oferta formativa do festival complétase cun curso de Dirección e Creación Escénica impartido por Tito Asorey, un curso de Iluminación impartido por Danial Pais e un Obradoiro de Performance e Creación Contemporánea impartido por Helena Salgueiro. Na páxina web do festival tedes toda a información de contidos, datas e prezos dos cursos, así como a programación e outras actividades complementarias. Podedes velo AQUÍ
Esta mañá presentamos dentro da sección pitching do Galicia Escena Pro a que será a nosa próxima produción: 'Smoke on the water', un espectáculo para público adulto con música en directo que mestura o humor negro coa crítica social. A obra prodúcese en Residencia Artística no Teatro Principal do Concello da Estrada e estrearase o 11 e o 12 de febreiro de 2022 no Pazo da Cultura de Narón.
O texto de Santiago Cortegoso, que recibiu o Premio MOME Varela Buxán 2013 e será editado (xunto con 'O mel non caduca') por Positivas, amósanos as viciadas relacións entre personaxes cun mundo interior complexo. Josito Porto (Ritchie), Belén Constenla (Janis), Adrián Ríos (Alex) e María Costas (Amparo e Joan Báez) dan vida a este grupo de seres humanos degradados, frustrados, fracasados e perdedores que provocan tenrura e compaixón. Xunto a eles estará en escena o músico Mon Orencio (que asina tamén o espazo sonoro). Completan o equipo artístico Carmela Bueno (axudantía de dirección e movemento escénico), Pablo Giráldez 'O Pastor' (espazo escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación), Baia Fernández (caracterízación) e Marían Bañobre no deseño de vestiario e Santiago Cortegoso na dirección.
Na sección de espectáculos en cartel da nosa web tes información dispoñible que iremos completando con imaxes, vídeos e outro material segundo vaia avanzando a produción. Ir a páxina de 'Smoke on the water'
'O mel non caduca' poderá verse en streaming dentro do programa da Deputación de Pontevedra 'Prendendo Butacas na casa'. A emisión será o sábado 26 de decembro e estará dispoñible durante 24 horas. Prendendo butacas na casa é a adaptación ao formato dixital do programa de exhibición teatral Prendendo butacas, esta adaptación xorde por mor do avance da pandemia e como un xeito de garantir que esta teña un menor impacto no sector cultural.
O programa pon a disposición do público oito obras teatrais dende o 24 de decembro ao 3 de xaneiro, cada unha delas poderá visionarse durante 24 horas. Ademais de 'O mel non caduca' poderán verse: 'Rosalía' de Cooperactiva, 'Camiños' de ButacaZero, 'Afterparty' de A Feroz, 'Fíos' de Baobab Teatro, 'A maleta de Don Attilio' de Viravolta Títeres, 'A Galiña Azul' de Títeres Tanxarina e 'Os tres porquiños' de EducaTeatro Producións.
+info: https://www.depo.gal/prendendo-butacas-na-casa
A proposta escénica de 'O mel non caduca' xérase a partir a colmeas e outro material de apicultura que en boa parte foi cedido por produtores locais. Na escena da imaxe o personaxe de Avelino desfai un cadro usado (con cera) nunha escena que fala da forza do natural e de que antes ou despois a natureza acabará abríndose paso e ocupando o lugar que lle corresponde.
Estes cadros son de verdade, non é un truco, non é plástico, de feito conservámolos en frío para que non se deterioren. Queremos agradecer a Apigal a súa colaboración co espectáculo ao cedernos de xeito desinteresado este material (que xa antes nos facilitaron O mel de Manuela , Apiyago e o propio Avelino González que ademais de actor é apicultor). Apigal é unha empresa que traballa dende o rural de Porto do Son e produce de xeito natural mel, xelea real, polen e outros produtos apícolas. Tedes máis información nas súas redes sociais e na súa web: apigal.com
Detrás dese cadro están estes pequenos produtores que co seu facer contribúen a recuperar os ciclos naturais e a paliar o impacto negativo do consumismo. Non podemos estar máis orgullosos da súa colaboración e do seu apoio. Grazas!!
Debido ás medidas que se están levando a cabo para frear a propagación do covid-19 quedan aprazadas as funcións de 'O mel non caduca' do 13 de marzo en Boiro, 14 de marzo no Festival Miguel Torga de Mondim de Basto (Portugal) e 20 de marzo en Vigo. Aprázase tamén a función de 'Casa O'Rei' dentro da Mostra de Teatro Clásico de Lugo prevista para o 19 de marzo.
Iremos anunciando as datas de reubicación destas funcións a través da nosa web e das nosas redes sociais.
O venres 31 de xaneiro e sábado 1 de febreiro no Teatro Principal de Compostela
Despois da pre-estrea o venres 24 de xaneiro no Auditorio Municipal de Catoira (20:00 horas) o vindeiro venres 31 de xaneiro e sábado 1 de febreiro (20:30 h) estreamos 'O mel non caduca' no Teatro Principal de Compostela.
'O mel non caduca' é un espectáculo arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación do planeta por mor da perversa lóxica capitalista. É unha obra para emocionar e concienciar e tamén para rir e emocionar, 'hai moita ironía e moito humor no espectáculo, un humor reflexivo e crítico, por veces surrealistas e moi relacionado co universo do clown. Rímonos principalmente de nós mesmos e cuestionámonos como puidemos, como sociedade, ter chegado até aquí', afirma Cortegoso.
Do 22 ao 24 de xullo Marián Bañobre e Santiago Cortegoso impartirán un Obradoiro de Creación Escénica na MIT de Ribadavia, organizado pola propia mostra e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A meta do obradoiro é amosar e reproducir a pequena escala o método de creación da compañía. A dinámica consiste nun proceso de investigación e descubrimento a partir dun tema e dun espazo concreto. Esta forma de traballar parte da premisa de que os actores e actrices son os auténticos creadores.
A inscrición está aberta ata o vindeiro 8 de xullo. Toda a información AQUÍ